As amantes de Hamlet

O luns visitaranos unha poeta para falarnos do proceso creativo (como xa fixo en xaneiro Francisco Puy, o avó de Antonio).  Nesta ocasión virá (da man de Cándido, a quen lle agradecemos o encontro) a poetisa Marta Dacosta que, ademais de contarnos como escribe leranos e comentaranos algúns dos seus poemas.

Di a autora: «Os poemas seleccionados tratan de varios aspectos relacionados co que denominamos “denuncia da violencia de xénero e loita pola visibilización e a igualdade da muller”, polo que ao mesmo tempo que se mostra o proceso creativo reflexiónase sobre temas como: o feminicidio, a violencia en xeral ou a visión do corpo da muller.» Como ves, son ben necesarios estes poemas neste tempo que vivimos. Velaquí queda o seu texto sobre Ofelia, a quen coñecemos moito:

“RESUCITAR A OFELIA”

… hai anos que adoptei a decisión poética de resucitar a Ofelia, personaxe literaria que representa á muller maltratada, vítima dese maltrato sutil que é o maltrato psicolóxico, que fixo que unha nena namorada tolease e, tal vez querendo, se tirase a vida.

Shakespeare dános a imaxe dunha nena inocente que se namora dun individuo torturado que, á súa vez, convértese en torturador da rapaza ao facela culpábel dun comportamento que el rexeita e que ela non ten, mais que el lle supón polo simple feito de ser muller. …

Millais retratou perfectamente as consecuencias deste maltrato, unha imaxe dunha muller definitivamente quieta, muda, fermosa, tal vez a imaxe que o machismo quixo ter sempre das mulleres, obxectos inanimados que un pode manexar e gozar deles ao seu antollo. E o peor, que moitas veces as vítimas tamén pensan que eran, que son, amadas.

Tamén dixen que houbo un crime que me impresionou fortemente, o dunha muller violada, asasinada e borrada, literalmente. Quen atentou contra dela non só buscou satisfacer o seu comportamento criminal, senón que mesmo tentou borrar a identidade da muller, facela desaparecer queimando o seu corpo e eliminando as súas pegadas dactilares, e isto pareceume unha crueldade maior, unha crueldade sobre outra, unha infamia parella da exercida desde o fascismo contra os pobos e as persoas exterminadas. Os opresores, os asasinos, eran donos da súa vida e da súa morte, prolongaban o seu sufrimento, decidían de que forma horríbel habían morrer e borraban para sempre a súa existencia, no fondo do mar ou nun horrendo listado de números sen nome.

Marta Dacosta

Xa encargamos para a biblioteca As amantes de Hamlet. Mais, mentras non chega podedes ler algúns poemas de Marta Dacosta aquí. E se clicades esta páxina  atoparedes o seu blog, unha interesante e «acuática» visión da arte e do mundo. Boa estadía nel!

Moitas grazas, Marta, por vir e tamén a ti ,Cándido, por permitirnos coñecela!